Primaveira (1)

 

Parte I: Primavera

Capítulo 1

O vento aínda era frío. Acaba de comezar a primavera, pero o inverno resistíase a afastarse da cidade. Durante a súa estadía apoderárase da natureza, dándolle aos parques un aspecto desolado e calmado que pouco tiña que ver co seu fervor habitual. Cando Eigo saía de clase cruzaba un alameda para chegar a casa, a noite temperá creaba un aura fantasmal. A rapaza sentía a necesidade de pechar o abrigo da base ao pescozo e camiñar moi apresa, en parte para entrar en calor e protexerse das baixas temperaturas e, en parte, por un temor infantil ao que era incapaz de poñer nome. Que temía? Á escuridade, á noite? Acaso pensaba que a ían atacar? Non era quen de representar con palabras as sensacións que experimentaba ao atravesar o parque, pero non puido evitar trazar en carreira os últimos metros e chegar a unha rúa transitada.

Chegou ao portal do seu vello edificio e abriu con dificultade a pesada porta de metal. Aquel lugar precisaba moitos amaños, pero era o que podía permitirse mentres estudaba. Subiu as escaleiras porque non se fiaba do vello ascensor, que se estragaba máis do que funcionaba, e entrou na súa casa.

—Ola, xa estou —anunciou.

—Ola! —respondeu unha voz desde a cociña, pero escoitábase un rumor quedo que lle indicou que debía haber máis xente.

Quedouse parada un instante mentres pechaba a porta, compoñendo un sorriso falso. Asomouse a saudar e viu que, coma sempre, a casa estaba repleta de xente. Catro persoas falaban en voz baixa e sorríronlle ao vela. A maiores, a súa compañeira de piso estaba cociñando. Eigo escusouse, fuxiu cara o seu cuarto e pechou. Apoiou as costas na porta e suspirou profundamente. Despois de pasar o día na universidade, o único que non lle apetecía era estar con xente. Necesitaba descansar e pasar soa algo de tempo antes de deitarse. Pola mañá madrugaría e iría a traballar, onde tería que aturar máis aglomeracións, más interaccións, máis persoas ao seu redor demandando atención, amabilidade e consumindo as súas enerxías. Pouco a pouco deslizouse ata o chan, quedando sentada cos xeonllos apoiados no peito. Apertou as súas pernas e intentou controlar a súa respiración.

Realmente, o que lle causaba máis problemas non era o seu traballo nin as visitas á súa casa, era o teléfono. Facía tempo que evitaba falar cos seus pais, non quería dicirlles as palabras que todos temían: que non lle gustaba estudar, que aquel lugar non era para ela e que só quería volver a casa. Levaba tres anos vivindo soa naquela cidade, apenas aprobaba unhas poucas materias ao ano e cada hora que pasaba estudando lle parecía unha tortura. Cada vez se centraba máis no traballo e facía máis horas extra, estaba intentando conseguir o posto de encargada e non quería analizar por que lle poñía tantas ganas.

Chegou a gatas ata a cama e subiuse a ela, fíxose un nobelo e sentiu o teléfono vibrar.

—Mamá?

—Ola, nena... —saudou ela. Algo na súa voz asustou a Eigo.

—Que pasa? —quixo saber, incorporándose ao momento.

—Rula... o avó morreu esta mañá —confesou. Escapóuselle o xanto un instante, pero contívoo —. Atopouno o panadeiro cando facía o reparto. Estaba sentado na súa cadeira á entrada da casa, moi tranquilo...

A rapaza mordeuse o beizo inferior e sentiu as bágoas fluír, non quería chorar mentres a súa nai a escoitara, pero non puido evitar roufear e un xemido antes de conseguir forzas para falar.

—Cando é o enterro?

—Mañá, cariño, pero non tes que vir, todos sabemos que tes moito que estudar e...

—Quero ir, mamá —interrompeu.

O avó era a súa persoa favorita no mundo. Era o pai da súa nai, un home un pouco avaro e seco con todos, menos con ela. Eigo sempre fora a nena dos seus ollos, cando a miraba, sorría. E ela correspondía totalmente aquel amor, sempre quería estar co seu avó, ir onde el fora, facer todas as tarefas con ela. Aínda que o home tiña máis netos, a pequena Eigo era a súa favorita, pasaba con el todos veráns, vacacións e pontes.

—Síntoo moito, mamá —conseguiu dicir, pouco antes de colgar.

Cando puido pulsar o botón de fin da chamada, escondeu a cara na almofada e chorou como facía anos que non choraba. A dor era nese momento tan intensa, que non a deixaba respirar. Pasou aquel momento a soas, intentando non facer ruído, porque non quería consolo, non quería facerse a forte ante ninguén nin ter que esconder as bágoas. So quería berrar e chorar coma unha nena, desafogar o dano e a perda. O avó xa non estaba, non volvería a velo. Non parecía de todo real, pero á vez doía tanto.

 

Espertou tarde á mañá seguinte, non lembraba terse quedado durmida nin os seus soños, era como se o mundo se tivese apagado un momento e, de repente, foran as nove da mañá de novo. Tiña os ollos tan inchados que lle doía mantelos abertos. Cando se mirou ao espello, volveu chorar, lavouse a cara e saíu do cuarto, esperando non atoparse con ninguén. Aínda levaba a roupa do día anterior, pero non se deu conta, andaba coma nun soño. A súa tristeza era tan profunda que parecía amortecer os seus sentidos. Chegou ao traballo por inercia, a xefa viuna desde a rúa e saíu a recibila.

—Pero, nena, que tes? —quixo saber, preocupada.

—Onte morreu o meu avó —soltou ela. Falou o máis apresa que puido, coma se así as palabras lle foran doer menos.

—Ai... —a muller apertouna e Eigo chorou de novo —. Volve a casa, non pasa nada, xa me chamarás mañá, vale?

A rapaza asentiu e despois negou coa cabeza.

—Prefiro traballar.

—Xa, nena, pero con esa cariña... —comezou ela, dubitativa.

Eigo asentiu. Con esa cara non podía estar de cara ao público. Deuse a volta, sen darse de conta de que non se despedira, e deixou atrás a cafetaría. Cando volveu á casa meteuse na cama de novo e durmiu o que lle pareceron anos. Ao espertar colleu o teléfono e, xa coa mente máis clara, organizou a viaxe a casa e avisou á súa xefa de que se tomaría un par de días. A muller aceptouno sen queixa.

Fixo a maleta de forma mecánica, sabía que se pensaba máis aló volvería a chorar, e xa non quería iso. Organizouse en tarefas, non tería que pensar, so deixar que o seu corpo fixera o que xa sabía facer. Avisou á súa compañeira de piso da súa perda con voz inexpresiva, contendo ao máximo á emoción. Esta apertouna e quixo consolala, pero Eigo tivo que rexeitar a súa amabilidade, precisaba manter as emocións a raia un tempo.

Comentarios