Introducción. Primeira parte.
Disque cando un espírito che toca o teu destino cambia por completo.
Alguén aparece na túa porta e colle a túa man para levarte consigo. Iso foi o
que me pasou a min. Os recordos de aquela época son difusos, fai tanto tempo
que xa non lembro nin en que ano nacín. Si que sei que ocorreu en Xapón e que,
apenas tendo eu idade casadeira, houbo unha guerra civil na que o meu pai
combatía. Seguramente corría o ano 1221.
Lembro ter ido ao templo coa miña nai, a rezar pola saúde da nosa familia e o fin das batallas. Podo evocar as longas
escaleiras que me levaron alí, a madeira coloreada de vermello, as cordas e o ambiente sacro e venerable. Estaba collida do brazo da miña nai cando notei moito frío e unha brisa que me empurraba desde atrás. Non me atrevín a
darme a volta, pero pareceume que unha man agarraba o meu corazón e o conxelaba. Nunca máis volveu latir.
Sei que saín correndo e volvín a casa, a miña nai chamoume a berros,
pero non me volvín. Fai tanto, tanto tempo que non podo lembrar a súa cara, nin
sequera sei como se chamaba ou que nome me deu a min. Sei que chorei moito,
porque sabía que algo malo ocorrera, aínda que non soubera ben o que.
Disque cando un espírito che toca o teu destino cambia por completo.
Alguén aparece na túa porta e colle a túa man para levarte consigo. Iso foi o
que me pasou a min. O meu tempo parouse para sempre e non volverá a avanzar.
Aínda choraba na miña cama cando oín chamar á porta do meu cuarto. Non quería
falar con ninguén, pero insistiu. Ao final erguinme e abrín. Había unha nena
ante os meus ollos. Tiña o cabelo louro e graxo e a pel pálida, perlada de
pequenas manchas. Os seus ollos eran dun azul sucio, apagado, morto. Sorriu e
vin que lle faltaban un par de dentes, o resto eran case amarelos. Era unha
mocosa fea e estaba algo sucia, pero a quixen desde ese instante e querereina
por sempre, incluso cando acabe coa miña vida. Ela foi a miña primeira mestra e
o seu nome era Eco. Ofreceume a súa man, tomeina sen dubidar. Sen sabelo,
entregueille a miña alma, pero non vos preocupedes, naquel momento xa non era
miña. A historia de como a recuperei é triste e heroica, pero non nos adiantemos, o
camiño faise paso a paso.
Eco levoume ata un bosque, tardamos bastante tempo en chegar, en
ningún momento se me ocorreu preguntarlle nada. Nun claro había unha pequena
casa de madeira, alí había unha muller, era unha anciá. O seu cabelo era branco
coma a neve, a súa pel estaba limpa de calquera imperfección, tan solo as
engurras propias da vellez. Tiña os ollos verdes coma a natureza viva. Ela non
sorriu. Era unha muller fermosa, semellaba perfecta, quíxena desde ese instante
e quíxena mentres acababa coa súa vida, podo adiantarvos que isto ten que ver
con que Eco queira matarme, pero non é o único motivo. Ela foi a miña segunda
mestra: Terra. Convidoume a sentarme ante ela e xulgoume con toda a dureza dun
ser absolutamente puro. Nun inicio, non pasei a proba, pero toleroume ata que
fun digna. Pronto chegaremos a esa parte da historia.
O feito de ter dúas mestras faime un pouco especial, a maioría dos
meus compañeiros de profesión so tiveron un: alguén recto e honorable, de fama
e reputación. Houbo un tempo no que me daban envexa por iso, pero pronto
comprendín que me equivocaba. Hai negocios nos que nada denota tanto o teu
talento como que ninguén saiba que existes. Eco mostrábase coma unha nena, pero
o seu tempo rematara cando xa era unha anciá. E Terra, que era a súa neta, fora
tocada sendo cativa, pero prefería facerse ver coma unha vella. Nunca souben o
porque do seu aspecto, pero para elas era importante.
Nunca volvín a casa. Non sei se os meus pais sobreviviron á guerra nin
se choraron por min. Todo aquilo quedaba tan lonxe que me parecía moi pequeno.
Vivín coas miñas mestras, durmindo nun anaco de chan que tiña reservado e
comendo o pouco que precisaba para manter as enerxías. Algúns días, Eco levábame a un prado, para que notara a herba medrar. Outras
era un deserto, no que tiña que centrarme na morte. Naqueles días, o adestramento
sempre consistía no mesmo: sentir. Non se me daba moi ben, pero Eco non se
frustraba.
—As pedras non se converten en area despois da primeira ola —dicía,
sempre acompañada do seu sorriso infantil, pechaba os ollos e non me miraba
máis ata que volvía a intentalo.
O primeiro que sentín foi a morte. Estábamos no prado, en algún
momento picoume un becho e acabei con el dun manotazo. Non foi nese instante,
senón horas despois, pero foi a primeira vez. A primeira vez que morrín. Á miña
mestra non lle gustou, pero non quixo explicarme por que. Tardei moito en
comprendelo pola miña conta, pero xa chegarei a iso.
Seguín practicando durante anos. Nos momentos nos que a miña roupa non
tiña espazo para máis remendos, Terra acompañábame á vila para que me fixeran
un vestido novo. Sempre de cor marrón ou verde. Algunha vez enfermei, pero
sempre eran elas quen coidaban de min, deixáronme moi claro que non debía,
nunca, acudir a un médico. Ensináronme moitas leccións entre liñas, mentres
aprendía os fundamentos para ser unha Auriga.
Tes que entender que, cando che falo disto, estoume a saltar unha das nosas normas principais, aínda que tamén
recoñezo que non é a primeira vez. Como podes imaxinar a estas alturas, todos os
Aurigas fomos humanos no seu día, pero alguén nos elixiu. Os espíritos móvense
entre a casualidade e o destino, atópannos no momento indicado. Ás veces somos simples
nenos, outras, estamos ás portas da morte, pero nada diso importa porque, no
momento no que alcanzan o noso corazón, quedámonos parados no tempo. Iso non
significa que sexamos inmortais, podemos morrer por feridas graves ou por
problemas de saúde.
Antes de explicarte que é o que facemos, explicareiche que cada un
de nós ten un animal guía. O que escollas depende, normalmente, do teu mestre. A xente adoita dicir que as escolas de mamíferos son as máis fortes, pero, podedes
crerme, iso non son máis que prexuízos. Eu pertenzo á escola da Loba e iso
significa, entre outras cousas, que podo tomar a forma de ese animal. A nosa
forza provén da ira e somos máis poderosas cando é de noite e coa lúa chea. Eco
pertencía á mesma escola ca min, Terra, en cambio, pertencía a escola da Salamántiga, asegúroche que
era poderosa. Tiven a oportunidade de escoller entre ambas correntes, pero o
meu corazón soubo sempre que me decantaría pola Loba.
A nosa misión é velar polo equilibrio no Mundo Espiritual e Terreal. Aínda
que ti non os vexas, no teu mundo hai espíritos, mesmo ao teu redor. A maioría son
inofensivos, como moito poden causarte algúns pesadelos se fas algo que non
lles parece ben, pero non adoitan meterse con vós. Sen embargo, hai ocasións
nas que os entes perden a cordura, normalmente pola vosa culpa. Entón é cando
actuamos nós. Aparecemos e, se podemos, os calmamos. Cando isto non é posible
procedemos a selalo hasta que se tranquilice, pero non che vou enganar, as rehabilitacións
son longas.
Entre as escolas hai bastante competencia, todas queren demostrar que
son as mellores. Moitas intentan selar ao máximo moito de espíritos posible,
especialmente se son poderosos. A Loba é das peores, moitas das miñas
compañeiras non se molestan es calmar aos entes,
directamente os fechan para presumir do seu triunfo. A lección máis importante que aprendín de Terra foi a de poñer o
benestar do espírito por enriba de todo, aínda que non sempre a lembrei.
Gústame pensar que cada vez que podo evitar selar algún alma estou honrando a
súa memoria. Quizais te preguntes por que me importa tanto, se fun eu quen acabou coa súa
vida, pero iso non significa que non a amara. Xa sabes, iso é outra
historia...
A escola da Tigresa e a da Loba son inimigas irreconciliables, de
feito, temos orde de matalos se atopamos a algunha. Seguro que pensas que isto
non está ben e estou de acordo, sempre intentei evitar cumprir o mandato,
fágome a torpe e déixoos escapar cando se ven acurralados, pero sempre hai
algunha que loita ata morrer. Non te imaxinas o canso que é. Alí se atopa o meu
peor inimigo, o seu nome é Kiba. Cando aínda era humano, namorámonos. Era nova
e estúpida, pero todos cometemos erros, non é así? A nosa historia é longa e
complicada.
Supoño que imaxinas que matar Aurigas non é moi ético, pero as regras da
son laxas e sóese facer a vista gorda porque, teño que recoñecelo, algúns somos
odiosos. Esperan que os peores membros se exterminen uns a outros.
Tardamos moito tempo en ser aptos para a Misión, normalmente precisamos
un par de séculos de adestramento. Temos que saber moitas cousas e poñer en
forma o noso corpo e a nosa mente. Por iso, o primeiro que temos que aprender é
a sentir. Parece sinxelo, pero distinguir e illar unha emoción é unha labor complexa,
especialmente sen deixarte levar polas túas no camiño.
Os espíritos poden tomar moitas formas, aínda que adoiten decantarse
pola humana, e poucas veces evidencian que non son seres terreais. En moitas ocasións
nin sequera se materializan, polo que non podes velos nin oílos, pero emiten
emocións. É unha simplificación, pero xa che
dixen que o noso adestramento leva moitos anos, así que non podo explicarcho
todo.
Comentarios
Publicar un comentario